Un manual e un curso virtual para pór en valor o papel dos bosques na sociedade
O seu obxectivo é divulgar entre a cidadanía o seu valor económico e ambiental
Coa participación de especialistas de catro países, entre os que se atopan os investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos e Ángeles Cancela, o proxecto europeo MeetYourForest desenvolve entre este luns e mércores a súa xuntanza de peche na localidade portuguesa de Paredes de Coura. Este encontro serviu para presentar o manual multimedia e o curso virtual desenvolvidos no marco dun proxecto que ten como obxectivo divulgar o valor económico e ambiental dos bosques nun contexto marcado polo despoboamento do rural. Seleccionado na convocatoria de proxectos de cooperación no ámbito da educación de adultos do programa Eramsus+ e coordinado polo Concello de Salceda de Caselas, o proxecto reuniu especialistas de España, Portugal, Finlandia e Noruega, que traballaron conxuntamente no desenvolvemento duns materiais educativos que poñen o foco na importancia que teñen os bosques para a sociedade e no papel que poden xogar nun contexto de crise climática, así como tamén en diferentes cuestións relacionadas cos seus aproveitamentos, máis aló da madeira, os seus usos sociais e recreativos ou a problemática dos incendios.
Dirixido a reverter a falta de interese da cidadanía polos bosques, pondo de relevo o seu valor económico e ambiental, trátase dun proxecto cunha dimensión “fundamentalmente divulgativa”, como sinala Cancela, responsable da participación da UVigo nesta iniciativa. Xunto á EE Forestal e ao Concello de Salceda de Caselas, MeetYourForest contou coa participación da Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Aspea), a Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme de Finlandia, a Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural de Bryne (Noruega) e a empresa Atin Services.
Dez temáticas
No encontro que tivo lugar no Centro de Educación e Interpretación Ambiental de Paredes de Coura, presentouse por unha banda o manual resultado deste proxecto, unha publicación dixital estruturada en dez unidades temáticas; O bosque e a sociedade; O bosque e a crise climática; Xestión comunal; Economía circular; Produtos forestais máis aló da madeira; Prevención de incendios; Usos sociais, recreativos e ao aire libre; Turismo, Educación e comunicación, e Lexislación. Este documento complétase á súa vez cunha escolma de “boas prácticas”, unha serie de “ideas innovadoras” e de exemplos en materia de xestión forestal ou medidas lexislativas seleccionadas nos catro países representados en MeetYourForest. A publicación atópase dispoñible na web do proxecto desde onde será posible acceder tamén a un curso virtual, “que recolle tamén os contidos do proxecto cunha vontade divulgativa e dirixido a propietarios forestais e á poboación en xeral”, explica Picos. Esta formación estará aloxada na plataforma virtual de Aspea e será de acceso gratuíto. A esta actividade súmase tamén a posta en marcha dunha aplicación na que se poderán localizar “unha lista de lugares de interese forestal”, como apunta Picos, nos diferentes países participantes en MeetYourForest.
A presentación destes resultados inseriuse nunhas xornadas formativas sobre novos usos e xestión innovadoras dos bosques, que engloba diferentes talleres e presentacións, como a que Picos centrou nas boas prácticas sobre prevención de incendios seleccionadas para este manual.